8 k de Memoria en CC Villa de Móstoles

sábado, 1 de septiembre de 2012

8k de memoria. Centro Villa de Móstoles (Madrid)

8k de memoria. Exposición colectiva multidisciplinar de:

PAULA CABALEIRO*PAZ VICENTE*SILVIA CAPELO*BASILISA FIESTRAS

BEATRIZ S. SAÁ*MAGATZEM 909 MC*LIDIA COSTA*CARMENCABANEIRO

**Inauguración 4 de Setembro, ás 12.00h** 

Centro Vila de Móstoles (Madrid)


Tal como dicía Jorge Luis Borges " Somos a nosa memoria, somos ese quimérico museo de formas inconstantes, ese montón de espellos rotos". Nada hai tan persoal, tan subxectivo coma a memoria.   Este é o punto de partida sobre o que cada unha das compoñentes do Colectivo 20 65 reflexionan, para,  finalmente, crear unha obra cunha visión crítica e persoal. É desta pluralidade de expresións e interpretacións de onde xurdirá unha exposición tan diversa, plural, heteroxénea e interesante como os plantexamentos de partida. 
Paula Cabaleiro traballa co envoltorio, a vestimenta, o espazo... trazando pontes entre o real e o ficticio. Ese xogo evidénciase, en ocasións, coma un enlace entre o tempo presente e o tempo suspendido da ruína, ou alude ao espazo privado como lugar onde arquivar prexuízos nesa visión persoal na que pon de manifesto as ideas de condicionamento de xénero e clase social determinadas. 

A poesía visual, na obra de Carmen Cabaneiro, transmutará a Memoria en "Retorno aos catro elementos, a Heráclito, ao albor do labirinto, á saída do vampirismo voraz, de recursos naturais, humanos e sociais".
Tamén a obra de Silvia Capelo fará un percorrido pola ruína, polo espazo, o pasado, analizándoo dende o seu contexto histórico e social. Finalmente transportaranos á infancia, a un universo de recordos, de xogos infantís vividos ou soñados que compartimos no seu arquivo.

A obra de Lidia Costa, baseada na súa experiencia persoal, fai referencia á súa busca e reencontro co pasado, co efimero e determinante na súa visión do tempo presente que trasladará a imaxes e sensacións.
Basilisa Fiestras reinterpreta e arquiva, coa súa particular visión e linguaxe, os obxectos do seu ámbito inmediato, dándolles unha nova identidade na que se mesturan a orde física e a desorde mental, o público e o privado nun dilatado proceso de investigación.


Beatríz S. Saá formúlase na súa obra cuestións sobre os límites entre a razón e a cordura, tal e como apuntaba Albert Einstein na súa coñecida frase "Estou tolo eu ou os tolos son os demais", e revisa os discursos sobre o xénero dende esta perspectiva. 
Impaciencia absoluta dun desexo de memoria. Como chamar ao arquivo inscrito no corpo? Recordos, titulares esvaídos polo transcorrer do tempo mentres a súa pegada na memoria permanece... Este será o punto de partida de Paz Vicente para poñer de manifesto a súa reconstrución do pasado.
Pola súa banda, Magatzem 909 MC (Carolina Miranda Araujo) dá forma ás arquitecturas do arquivo, a eses lugares onde se acumula o tempo mediante unha serie de fotografías convertidas, por un instante, no seu soporte físico.
A Memoria, diluída polo tempo ou fixa e inmóbil no noso cerebro; épica do cotián, poética do vivido, confórmase, en "8 k de Memoria" a través desa variedade de matices.

Colectivo 20º65, 2012



"CAMIÑOS EN FEMININO"

"IDENTITAS"